Wednesday 24 de April de 2024

A axenda turística da Pobra volve contar coa ruta náutica polas bateas e as illas da Rúa e do Areoso


Continúa medrando a axenda con actividades de lecer para desfrutar do verán na Pobra do Caramiñal. Por segundo ano consecutivo, súmase á oferta turística a coñecida como Ruta do Mexillón que se focaliza na ría da Arousa e que se impulsa froito da colaboración entre a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e a empresa Oceanic Arousa Tours.

Trátase dunha proposta que conta cun compoñente didáctico e outro lúdico: brinda a posibilidade de coñece-lo proceso de cultivo do mexillón na ría arousá e a importancia deste sector a nivel socioeconómico, ademais de permitir contemplar de preto a illa da Rúa e rematar no Areoso percorrendo a súa contorna natural e descubrindo a súa historia.

As saídas efectuaranse nos xoves dos meses de xullo e agosto, en quenda de mañá (ás 11.00 horas) e de tarde (ás 16.00 horas), cunha duración de tres horas. O prezo da viaxe é de 28 euros para as persoas adultas e de 18 euros para menores de 10 anos.

A cabida máxima é de 12 prazas, que se que se deberán reservar previamente no punto de información turística -situado na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.